viernes, 11 de diciembre de 2009

A liberdade.


- ¿E se non se trata dun lobo? -di Ana, aínda irada-. ¿E se é un lobishome, vano matar?
- Recoñezo que ando coa mosca detrás da orella. Pero teña dúas patas ou catro, ha caer. A miña nitro fúrao todo.
- ¿E cre que eso está ben? Señor padre, ¿non son os lobos criaturas de Deus?
- Filla -di o crego-, Deus fixo moitas criaturas. Pero débenlle temer ó home, e estar supeditadas a el. Ben o din as Escrituras.
- Pero, sendo criaturas do Señor, debemos respectalas. Mellor é deixarlles os montes, que son seus. Se as arrombamos é cando se botan a nós. ¿Temos dereito a esnaquizalas como fixeron os mouros cos nosos soldados?
- Vexo que cres en lobiños bos e nos tempos de paz e de harmonía. Pero eu non che son san Froilán. Escoita, rapaza -prosegue o crego-, vouche contar unha historia. Días pasados confesei un lobo. Estaba eu na igrexa parroquial e pasou el por alí, e arrepentiuse da súa engolemia e veu onda min. "Padre", díxome, "quero confesar os meus pecados" e confesoumos. "Es un lanfrán e un lambón e voute poñer a dieta de ermitán, se non non hai absolución", díxenlle eu. "Pero, padre, non me pode facer eso, eu son un animal do monte e teño que comer o que me mande o bandullo." "Ou eso ou non hai perdón." "Padre, quero ser un bo cristián, pero paréceme que eso vai contra as normas do Altísimo. Un lobo non pode ser vexetariano." "Polo menos debes facer xaxún." "¿E que é o que podo comer?" "Libra e media de carne ó día." "Pouco é pero... bóteme a beizón, que se me vai a ocasión." Dicía eso porque vira pasar polo prado unha vaca e a súa xata. Deille a absolución e marchou de contado a comer nai e cría. Fun detrás del, chameille a atención e díxome: "A ocasión para quen a apaña, a libra é a nai e a media é a xata." "¿Pero con que sistema pesas ti?", pregunteille, e el: "Eu, como non teño roldana, peso como me dá a gana." Xa ves, filla, a lei do lobo non é a nosa. O lobo lobo é, e como lobo se comporta, e as boas palabras non valen de nada. Ó lobo, matalo e vender o pelello.
- A miña filla defende os lobos como defende os pobres. Avergóñame diante da xente.
- Son cousas da mocidade -terciou o cura-, cabeciñas cheas de paxariños, e o que é peor, de paxariños preñados.
- Bótaselles a culpa ós lobos do que fan os homes e os cans -saltou Ana, e nunca me pareceu tan fermosa e tan pálida.
- Así que -riu o crego- non foron os lobos os que comeron os nenos e a pastora.
- Se cadra, si. Pero, falando de fábulas, eu tamén sei unha. É aquela na que se atopan, no luscofusco, un lobo e un can, e inician unha conversa. O lobo pasa moita fame e está fraco coma un labrego. O can vive a corpo regalado, e está gordo coma un cura, dispensando, don Laureano. Porque é un inverno coma este, e chove, e neva, e non hai que comer, e o can está mantido polo amo. Botan a falar, e o can dille ó lobo que se veña canda el, que alí o coidarán a cambio de nada. Non hai nin que traballar, só ser submiso ó home. E gardar a casa, que se fai así: se o que vén é un señor importante, agachar as orellas e calar; se é un pobre, un moinante ou unha muller, ladra e, se se tercia, mordela, para demostrar que caste de xente se quere por alí. E con eso está todo feito. E van, pero, mentres baixan do monte, o lobo fíxase na marca que ten o can no pescozo, e pregúntalle por ela, e o can dille que non é nada, que é a marca da correa que lle poñen polas noites. E o lobo pregúntalle se polas noites non lle ouvea á lúa, se non sae de caza, se non corre polos montes. E o can contesta a verdade, que dorme na canceira. E o lobo dille que non vai con el, que quere ser fraco e libre no monte, e o can pregunta por qué, e o lobo fálalle da liberdade. Pero o can non entende esa palabra. Por eso lles tedes tanta manía ós lobos, porque son libres -conclúe a rapaza.

(c) Xosé Miranda. Pel de lobo (capítulo 5).

4 comentarios:

  1. Bua, te curraste la entrada eh XD, la verdad es que es un grupo muy bueno pero no me termina de convencer, tendré que darle un par de escuchas mas xD

    ResponderEliminar
  2. Hola, te vi en el blog del tocahuevos! xD

    Yo también leí ese libro, me encanto esa parte

    Chao, cuidate

    ResponderEliminar
  3. E mierda, mi comentario iba por the Kooks confundinme XD

    ResponderEliminar